Sunday 19 de May de 2024

A precipitación media do mes de marzo estivo un 80% por debaixo do valor climático normal


O terceiro mes do ano pode considerarse moi seco, coa aparición de situacións anticiclónicas que deixaron moi escasas precipitacións

A Comunidade galega viviu un mes de marzo moi seco, caracterizado pola frecuente aparición de situacións anticiclónicas que deixaron moi escasas precipitacións.

Así se desprende do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que conclúe que as precipitacións rexistradas no terceiro mes de 2021 quedaron moi por debaixo do agardado neste mes, debido á frecuente aparición de situacións anticiclónicas e a escasa actividade das poucas borrascas que puideron chegar a Galicia.

A precipitación media acumulada foi de tan só 25 L/m2, sendo o terzo norte da Comunidade onde se acadaron os valores máis altos, ata un 50 L/m2. Así, o valor medio para o conxunto do territorio galego foi un 79% inferior ao período de referencia 1981-2010.

En relación coas temperaturas, estas non se afastaron moito dos valores medios habituais. O mes de marzo deixa unha temperatura media de 11ºC, moi próxima ao valor climático, 10.8ºC. O valor medio para as máximas foi de 15.2 ºC, mentres que o da mínima foi de 4.1 ºC.